lunes, 24 de noviembre de 2008

INFOPERIODISMO. EL PERIODISTA COMO CREADOR DE INFOGRAFÍA, DE JOSÉ MANUEL DE PABLOS

Infografistas, quería recomendarvos a lectura do libro “Infoperiodismo. El periodista como creador de infografía”, de José Manuel de Pablos. Ademais de facer un repaso pola infografía ao longo da historia (moi bo o análise que fai do USA Today), penso que recolle ideas moi interesantes sobre esta nova forma de comunicación que nós estamos abordando nesta asignatura. Eu, persoalmente, seleccionei estes puntos como os máis representativos do que conta o autor:


  • Erroneamente, hai quen sitúa na guerra do Golfo Pérsico o nacemento da infografía como binomio de imaxe máis texto, cando en realidade se trata dunha forma de expresión que se perde na prehistoria do ser humano, cando este descubriu o trazo mesmo. Así pois, en modo algún a infografía é un produto da era informática senón froito dos deseos da humanidade por comunicarse mellor.

  • Hase de ter claro que o acontecemento singular e o orixinal é o solar sobre o que se constrúe o edificio infográfico pero tamén que, como non todo é acontecemento, non todo se pode infografiar (aínda que tecnicamente se poida facer, o resultado pode ser vasoira informativa). A información gráfica ten os seus límites e un deles é que a mensaxe da que dispoñemos poida transferirse ou non a linguaxe visual: é a Teoría da Transferencia Visual.

  • Sempre hai que documentarse e aquí o redactor pode axudar en moito, aínda que o ideal sería que o infografista puidese acudir sempre ao lugar do feitos. A infografía debería ser unha labor de equipo, dun equipo mixto, conformado por xornalistas redactores e xornalistas debuxantes. Os primeiros serían os “artistas iniciais” e os segundos serían os “artistas finais”. Segundo José Manuel de Pablos “el infografista o, mejor, el infógrafo, ha de ser alguien con la necesaria cultura visual, provenga del periodismo, bellas artes, cómico, artes... o de cualquier ámbito donde lo visual sea una virtud”.

  • Precisamente, o maior dos obstáculos para a consolidación deste xénero (o autor do libro así o considera) é a tan escasa cultura visual dos xornalistas responsables das redacción e que paradoxicamente son os que teñen a última palabra sobre a realización dunha infografía. A realidade, non obstante, é que a infografía si é unha boa ferramenta visual de axuda xornalística e serve para que os lectores capten maior número de datos xornalísticos ou para que os capten con máis detalles. Se ben a fotografía é un testimonio que se limita a corroborar o que din os titulares e a ser un elemento as máis das veces ilustrativo, a infografía, coa súa explicacion do como, supón un paso informativo máis (demostrado trala aplicación do Índice Xeral de Recordo da Información Xornalística).

  • Hai que convencer aos xornalistas redactores, reporteiros e corresponsais, de que eles han de ser os grandes aliados do grafista ou infógrafo que teñen na redacción, xa que este se atopa limitado por non poder acudir ao lugar dos feitos coa mesma asiduidade coa que o fai o redactor e pola escasa cultura visual, nalgúns medios, dos “xefes”. É dicir, o redactor/reporteiro/corresponsal debería ser o que, contando sempre como ten que contar coa necesaria cultura visual, lle aportase os datos necesarios para que o infografistas puidese elaborar esa información. Se non se fai así, o traballo infográfico resultante, o que se faga sen contar coa colaboración do redactor, podería acabar sendo un simple diagrama ilustrativo e, así pois, un erro.

E eu... pregúntovos: ¿Vedes posible que neste traballo de rutinas como estamos vendo que é o xornalismo, no que o redactor anda sempre apurado e con miles de cousas que atender, poida pararse e pensar, no lugar dos feitos, en posibles ideas que darlle ao infografista? Sería o ideal, na miña opinión, pero que poida ser posible...

1 comentario:

Anónimo dijo...

De todos estes conceptos que resumiches tan ben, patricia, comparto ó cen x cen, por ser a primeira vez que llo escoito a un autor, o de que ó redactor lle falta cultura visual.
ás veces, non chega con asumir unha idea, senón que fai falta saber como representala.
Cómpre talento e virtude.